Friday 17 de May de 2024

O Concello renovará o proxector dixital do Planetario da Casa das Ciencias tras 13 anos


O novo dispositivo permitirá proxectar imaxes en maiores resolucións e funcionará con tecnoloxía led ou láser, máis eficiente

O Concello da Coruña iniciou o procedemento de licitación dun proxecto de renovación do sistema de proxección dixital do Planetario da Casa das Ciencias. A adquisición por parte da Administración municipal deste novo sistema contará cun orzamento de 214.000 euros.

Será a primeira renovación levada a cabo polo Concello deste proxector dixital desde o 2009. O Goberno de Inés Rey continúa, deste xeito, levando a cabo melloras nos Museos Científicos Coruñeses. “Temos o compromiso e a obriga de mellorar os nosos museos, que contribúen a diario á divulgación científica entre persoas de diferentes idades”, dixo a rexedora.

O novo sistema de proxección do Planetario contará cunha maior resolución que o anterior, cun mínimo de 2.400 píxeles. Permitirá unha imaxe dixital de vídeo ‘fulldome’ de 180 por 360 graos e 5 metros de radio. A tecnoloxía led ou láser permitirá tamén mellorar a eficiencia deste sistema, así como ampliar a súa vida útil e abaratar os custos das posibles reparacións.